







Un debate entre Pepa Vázquez, coordinadora da asociación de inclusión social Boa Vida, e Javier Garrido Valenzuela, presidente da Asociación de Promotores da Provincia de Pontevedra, baixo a moderación do xornalista Serxio Barral, converteuse no segundo dos encontros que baixo o título de ‘A vivenda. Un dereito ou un imposible?‘ achegouse dende direrentes perspectivas e sensibilidades ao gran problema actual na nosa sociedade, como é o da vivenda, e a compatibilidade entre o acceso a un fogar digno por diferentes capas da nosa sociedade e a seguridade dos propietarios para o mantemento das vivendas e o pago dos alquileres cando estes se produzan.
As preguntas de Serxio Barral foron o pé preciso para que cada un deles expuxesen a súa visión desta situación, amosando dende a experiencia de Pepa Vázquez o seu traballo na consecución e mediación con propietarios para facilitar a relación entre ese propietario e un tipo de inquilino normalmente con moitos problemas para atopar eses espazos e para pagar o prezo acordado con ese dono. Un labor que no tempo no que a Asociación o leva facendo califícase como moi positivo polo conseguido e por cómo esa confianza que se xera entre as dúas partes é fundamental para afianzar eses alquileres. Javier Garrido quixo aludir ao tempo perdido ao longo dos últimos anos por parte das diferentes administracións á hora de activar a construción e a creación de vivendas de uso social, atopando unha pasividade administrativa dende o pasado que nos leva a un presente no que é imposible satisfacer esa demanda concreta, precisándose medidas e a activación que estamos vendo hoxe en día pero que será unha solución a medio e longo prazo.
Medidas como á creación dun banco de vivenda en alugueiro ou unha bolsa de propietarios éticos, que miren máis alá do puramente especulativo, foron algunhas das propostas de Pepa Vázquez, mentres Javier Garrido reclamou unha maior imaxinación para actuar nesta problemática da vivenda con solucións máis acordes ao noso tempo e sendo o concepto de vivenda protexida algo a superar, así como a liberación de solo que permitiría unha baixada de prezos e unha maior facilidade nos prazos administrativos.
Como remate ambos atenderon ás cuestións propostas por un público que se amosou moi interesado polas palabras dos dous participantes nesta palestra que puxo final ao encontro que o Ateneo de Pontevedra deseñou arredor da vivenda.
–
Fotos: Rafa Fariña | Diario de Pontevedra
Para proporcionar unha mellor experiencia, empregamos cookies para almacenar e/ou acceder á información dos dispositivos.
A aceptación do emprego de cookies permitiranos procesar a información do buscador e IDs únicas neste sitio.
Denegar o emprego das cookies pode afectar ao funciocamento dalgunhas funcións.