Un pobo que quere ser libre

Mohamed Safa, nado en Cisxordania, formado academicamente en Santiago, e oftalmólogo de profesión, defendeu nos mércores do Ateneo un relatorio titulado como o seu libro máis recente: Gaza, un xenocidio televisado.

Fixo fincapé Safa no, de momento, último capítulo da agresión sionista á nación palestina, transmitida en vivo e en directo para vergonza e escarño da comunidade internacional.

Lembrou Safa que o expansionismo de Israel cumpre todos os requisitos para ser cualificado como un xenocidio, que se está traducindo en masacres impunes saldadas xa con decenas de milleiros de mortos.

Salientou o relator que as bombas que destrúen vivendas, estradas e toda clase de instalacións estratéxicas tamén teñen como obxectivo hospitais, escolas, panaderías ou fontes de auga nun afán de sumir os palestinos na fame, a indefensión médica e o exterminio.

Secasí, fronte á pasividade doutras veces, Safa salientou que agora está habendo cada vez máis Estados que se afastan e mesmo rompen relacións con Israel, e que iso leva un mínimo raio de esperanza a un pobo que o único que segue reclamando é o seu dereito a ser un máis, e libre por fin, no concerto das nacións.

Lamenta Safa que iso non faga recapacitar un goberno e un exército que contan co apoio incondicional da primeira potencia económica e militar do mundo, e sinalou a importancia que poden ter os 19 deputados palestinos que acaban de ser elixidos para o parlamento israelí. Segundo o relator os precedentes non invitan a esperar gran cousa, aínda que si significará un alivio se o apoio neses votos é aceptado pola posible alternativa que reemplace no poder o goberno de Netanyahu.

Síguenos nas nosas redes: