Potencia e alma

Arrincou o Ateneo de Pontevedra a súa programación despois do verán coa primeira sesión do ciclo O poder do Folk no que a través da participación de diferentes figuras da nosa música coñeceremos aspectos vencellados coa voz, a gaita ou a percusión como elementos fundamentais do noso folclore musical.

A cantareira Fransy González foi a primeira participante, poñendo en valor o papel da voz como instrumento e como maneira de converter a nosa tradición, aquela que mantiveron viva tantas mulleres e que ela mesma recuperou a finais do século pasado mediante diferentes gravacións e compartindo a súas experiencias na contorna da Costa da Morte, nunha permanente emoción na alma e na pel de quen a escoita. Esas voces formaron parte da súa palestra, na que fixo un percorrido polos seus comezos, a súas aulas durante varias décadas con rapaces e rapazas e por ese proceso de manter en pé o feito por tantas xeracións de galegas e galegos que tiñan na música, nos seus seráns ou ruadas, unha maneira de socializar dentro da súa comunidade.

A potencia e a alma que se gardan na voz de Fransy González foi tamén parte da súa ponencia, na que entre palabras teóricas e o comentario de experiencias, tamén houbo tempo para escoitar a súa maneira de cantar, mesmo sendo compartida en varios momentos polos asistentes ao acto que participaron de xeito activo dos seus cantos.

Nas seguintes xornadas, o mércores 16 e o mércores 23, serán Óscar Ibáñez e Xabier Díaz, os que no paraninfo do IES Valle-Inclán nos poñan en relación co papel da gaita e da percusión no noso folclore.

Síguenos nas nosas redes: