Paixón na pel

Coa palestra de Xabier Díaz adicada a percusión na música folk galega, rematou o ciclo adicado a ‘O poder do folk‘, que se desenvolveu nas últimas semanas nos paraninfo do IES Valle-Inclán e que permitiu aos socios e ao público en xeral achegarse a elementos da nosa música como a voz, da man de Fransy González, ou a gaita, grazas a Óscar Ibáñez.

No paraninfo do centro académico soaron as pandeiretas de Xabier Díaz e o seu pandeiro, e todo para amosar a emoción de atopar o seu lugar no eido do folk, amosando unha travesía que dende a súa adolescencia o levou a encontrar ese espazo grazas a diferentes profesores que viron nel unha posibilidade.

Esa posibilidade foi el mesmo quen a potenciou, percorrendo Galicia, descubrindo espazos, atopando persoas cheas de talento e abraiantes músicas. Xabier Díaz non deixou de amosar ao longo de toda a palestra esa paixón na pel, na súa, pero tamén a que xorde do son dos seus instrumentos, que viñeron para reclamar o seu lugar nunha música tradicional que ata hai uns anos semellaba estar únicamente ocupado pola gaita.

Xabier Díaz amosou esas músicas recuperadas nas súas recollidas no rural galego, gravacións dun valor incalculable para o país, e das que o artista se nutriu para atopar ese lugar, ese camiño que o leva a ser hoxe unha das referencias da nosa música, arredor da cal sente unha enorme felicidade por ese espazo que tamén ocuparon xente nova como As Tanxugueiras, Mondra ou Fillas de Cassandra, convertendo esa forza xa en irreversible.

Síguenos nas nosas redes: