O Estatuto que nunca foi

Deu comezo o ciclo sobre o noventa aniversario do Estatuto de Galicia no espazo acristalado do Museo de Pontevedra cunha palestra de Ramón Villares, catedrático de Histórica Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, expresidente do Consello da Cultura Galega e exreitor da USC, e toda unha referencia en canto a calquera achega sobre a nosa historia nas últimas décadas. Desta vez o motivo da súa intervención, baixo o título de ‘Estatuto do 36. Referente político e lugar de memoria’, foi o de percorrer o itinerario histórico e social que levou ata ese plebiscito do 28 de xuño de 1936 e como dende as décadas anteriores Galicia comezaba a discutir e a pensar nas posibilidades da súa maior autonomía e autogoberno, así como a súa proxección no tempo, nun futuro por conquistar non foi todo o feliz que debería.

Falou Ramón Villares dun Estatuto que se converteu na base política do futuro Consello de Galicia, entendido este como fideicomisario do acadado polo pobo galego en liberdade antes da sublevación militar do 1936, ao tempo que se converteu nun texto ignorado no proceso de cambio político na Transición e a chegada da Democracia, de aí que ese Estatuto teña moito de ser un texto melancólico e mesmo o espazo dunha memoria case utópica. O historiador desenvolveu de xeito lúcido os procedentes en canto a unha posible división territorial da Península Ibérica e como en Galicia se foron dando diferentes visións máis ou menos arriscadas en canto á consecución dun maior autogoberno e que desembocou no texto do Estatuto no que nomes como os de Lois Tobío e Carvalho Calero foron esenciais na súa conformación.

A aprobación daquel plebiscito o 28 de xuño de 1936 co voto afirmativo de dous tercios do censo electoral, a súa posterior presentación nas Cortes en xullo do mes seguinte, unhas horas antes do Golpe de Estado, a creación do Consello de Galicia no exilio e como na Transición ese texto non se empregou como ferramenta idónea na reivindicación autonómica completaron unha palestra que ao seu fin deu o paso ao público asistente para levar adiante un pequeno debate.

Síguenos nas nosas redes: