




Unhas horas antes do comezo da mesa redonda que ía reunir a Xosé Manuel Beiras, Emilio Pérez Touriño e Xosé Luís Barreiro Rivas, a chamada do primeiro desculpando a súa presenza por motivos de saúde deixaba o que conformaba unha espectacular mesa de análise nun dueto que tampouco defraudou á numerosa asistencia de público que se deu cita no salón de actos do Museo de Pontevedra, no que supoñía o peche deste ciclo do Ateneo arredor do 90 aniversario do plebiscitado Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 e o que iso supuxo de cara ao actual Estatuto de Galicia.
As palabras dos protagonistas estiveron marcadas polo tratamento de tres bloques de análise nos que se analizou a xénese e vixencia actual do Estatuto de 1981, no que os protagonistas da palestra foron actores de primeira liña, e así a súa memoria serviu para coñecer cal foi a situación da sociedade española e galega ao longo da súa xestación dentro daquel clima definido polo proceso da Transición, así como creación da Xunta de Galicia, da que un foi presidente, Emilio Pérez Touriño, e outro vicepresidente, Xosé Luís Barreiro Rivas, e do Parlamento de Galicia. Ambos manifestaron e puxeron de relevancia a capacidade de acordo das diferentes sensibilidades políticas e as distintas posibilidades que se abriron á hora de artellar ese Estatuto que tivo un forte impulso grazas á movilización popular e ás dúas grandes manifestacións públicas de apoio a esa reivindicación que xa chegaba con retraso en relación as realidades vasca e catalana.
A palestra finalizou realizando ambos poñentes unha serie de achegas sobre o que ese Estatuto logrou ao longo dos 45 anos transcurridos dende a súa entrada e funcionamento e, chegados aos nosos días, a posibilidade de introducir unha serie de reformas que poñan ao día o acadado naquel ano 1981. O mellor remate para estas xornadas arredor dunha efeméride que marca a nosa historia como país.
Para proporcionar unha mellor experiencia, empregamos cookies para almacenar e/ou acceder á información dos dispositivos.
A aceptación do emprego de cookies permitiranos procesar a información do buscador e IDs únicas neste sitio.
Denegar o emprego das cookies pode afectar ao funciocamento dalgunhas funcións.