


Apoiándose nunha útil e moi reveladora escolla de imaxes, o profesor Pablo Landín e o xornalista Ramón Rozas ofreceron nova luz sobre a traxectoria e a repercusión nas letras españolas da figura de Ramón María del Valle-Inclán.
Foi nunha dobre charla na que o profesor se centrou no período que dá inicio en 1888, cando Valle comeza a publicar os primeiros artigos, contos e poemas, asinados de diferente xeito e con Barbey d’Aurevilly como principal referente, e remata en 1895 coa publicación, na imprenta pontevedresa de Andrés Landín, do libro que abre a súa prolífica carreira: Femeninas.
Pola súa banda, Rozas centrou o seu relatorio na conmemoración na nosa cidade, en 1966, do centenario do nacemento dun Valle que xa gozaba a aquela altura de universal recoñecemento. A homenaxe da Boa Vila tivo tres eixes, primeiro co re-bautizo do instituto Feminino como instituto Valle-Inclán, a seguir co ciclo de relatorios e a mostra bibliográfica que lle dedicou o Ateneo, que acababa de nacer, e finalmente cun suplemento completísimo do Diario de Pontevedra. Foron iniciativas nas que tiveron un papel preferente Antonio Odriozola e un Gonzalo Torrente Ballester que daquela exercía aquí como catedrático. E canda a deles, tamén foi decisiva a participacion de figuras como Conde Corbal, Filgueira Valverde, Luciano del Río, Ramón Peña ou Otero Pedrayo.
Para proporcionar unha mellor experiencia, empregamos cookies para almacenar e/ou acceder á información dos dispositivos.
A aceptación do emprego de cookies permitiranos procesar a información do buscador e IDs únicas neste sitio.
Denegar o emprego das cookies pode afectar ao funciocamento dalgunhas funcións.