



O labor como bibliotecaria de Mercedes Alsina ocupou a nova parada do ciclo de Figuras pontevedresas do Ateneo de Pontevedra. No salón de actos da Biblioteca Pública de Pontevedra, da que ela mesma foi a súa directora, reuníronse o seu fillo Xavier del Valle-Inclán, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e a actual responsable da Biblioteca Pública de Pontevedra, Pilar Fernández Ruiz, para, entre os tres, trazar un perfil dese facer dende a súa meticulosidade como profesional, pero que nos levou tamén a percorrer outros espazos máis humanos da súa inesquecible personalidade.
Xavier del Valle-Inclán fixo un percorrido pola súa vida, entre 1917 e 2012 e como tras aprobar as pertinentes oposicións comezou a ocupar diferentes cargos na Biblioteca de Huelva, na da Escola Naval de Marín e xa, de xeito definitivo, na Biblioteca Pública de Pontevedra que, antes da súa sede actual, estivo nos baixos do Instituto para pasar posteriormente ao singular edificio da coñecida Casa dos Fonseca. Aí desenvolveu un traballo polo que foi recordada á hora de poñer orde nos fondos variados dese centro, entre os que destacaban incorporacións como o fondo procedente da incautación polo Réxime Franquista dos libros de Castelao. A ese fondo adicou as súas palabras a directora do Museo de Pontevedra e excelente coñecedora da obra do de Rianxo, Ángeles Tilve, valorando como ese labor de Mercedes Alsina permitiu o seu mellor coñecemento e traspaso definitivo ao propio Museo de Pontevedra, xunto con outros elementos persoais e artísticos. Finalmente a directora actual da Biblioteca Pública de Pontevedra, Pilar Fernández, lembrou os seus primeiros encontros coa súa antecesora, lembrando a súa personalidade e profesionalidade no traballo, xusto unhas horas antes de que o sábado 24 de outubro se celebre o Día das Bibliotecas, no que o exemplo de Mercedes Alsina aínda é hoxe toda unha referencia para os traballadores desa entidade.
O público asistente tamén tomou a palabra ao remate destas intervencions para achegar as súas experiencias coa homenaxeada, que permitiron completar as impresións dos tres poñentes coincidindo ao final no acerto e na necesidade de lembrar a este tipo de figuras que deixaron unha fonda pegada na nosa cidade.
–
Fotos: Rafa Fariña | Diario de Pontevedra
Para proporcionar unha mellor experiencia, empregamos cookies para almacenar e/ou acceder á información dos dispositivos.
A aceptación do emprego de cookies permitiranos procesar a información do buscador e IDs únicas neste sitio.
Denegar o emprego das cookies pode afectar ao funciocamento dalgunhas funcións.