Habitar, vibrar e coidar

A segunda das palestras do ciclo ‘A estirpe de Sesmero‘ celebrouse na Casa das Campás co arquitecto Mauro Lomba como protagonista, nunha sala ateigada de xente, que comprobou a través das súas obras realizadas en Pontevedra e na súa contorna a identidade do seu traballo e de que maneira se desenvolveu ao longo dos anos.

Para iso lembrou as súas camiñadas infantís pola cidade, percorrendo o territorio e poñéndose en relación coas propias obras de Sesmero na cidade, mesmo deixándose seducir por edificacións que co paso do tempo serían fundamentais na súa propia vida, como ese edificio de Villa Pilar onde desenvolveu o seu proxecto Nemonon. Ese camiñar, esa relación co espazo no que xunto coa súa muller, o arquitecto decidiu desenvolver a súa vida e o seu labor profesional, foi unha chiscadela á memoria, a algo esencial nun traballo moitas veces dedicado a rehabilitar arquitecturas do pasado, como os edificios pertencentes á Misión Biolóxica ou o edificio racionalista entre a rúa Oliva e a rúa Riestra.

Unha memoria que lle concede a identidade necesaria a uns edificios que deben relacionarse coa súa contorna dende o coidado das fachadas na procura dunha beleza que responda a un compromiso co ámbito público. Un elemento a coidar nas nosas cidades como parte da mellora da vida nelas, da socialización das persoas e a potenciación da vida no espazo público, para acacar así unha cidade vibrante. Por último, o arquitecto incidiu na importancia de coidar a paisaxe, de facer da arquitectura un complemento desa natureza de pedra, bosque e auga que nos identifica como territorio e que a arquitectura ten que respectar e formar parte dela da maneira máis anónima posible.

Fotos: Jacinto Barallobre

Síguenos nas nosas redes: