Habitar e imaxinar a cidade:

espazo urbano e construción cultural

Data
Mércores 25 de Novembro

Hora
19:00 h

Lugar
Paraninfo IES Valle-Inclán

Intervén
María López Sández

Acceso
Acceso libre ata completar capacidade

O Ateneo de Pontevedra organiza o relatorio “Habitar e imaxinar a cidade: espazo urbano e construción cultural“ da escritora María López Sández dentro do ciclo Seis décadas do noso Ateneo.

O acto terá lugar o vindeiro mércores 25 de novembro ás 19:00 horas no Paraninfo do IES Valle-Inclán.

A entrada é libre ata completar capacidade.

O relatorio

As cidades son lugares de encontro, intercambio e creación, pero tamén espazos de memoria, conflito e pertenza. A súa vida cultural nace das relacións entre persoas, institucións e lugares, e dos relatos e imaxes que lles outorgan significado. O relatorio explorará esa relación de dobre dirección: como a cidade contribúe á construción da cultura e como a cultura transforma a nosa maneira de entender e habitar a cidade.

A partir dunha reflexión teórica sobre o espazo urbano como realidade social e simbólica, abordarase o papel da literatura na configuración dos imaxinarios colectivos. Prestarase especial atención ao caso galego, ás tensións entre o rural e o urbano e á asociación da cidade coas aspiracións de modernidade. O percorrido deterase en Pontevedra, coa evocación literaria da cidade en Xoán Manuel Pintos como punto de partida para pensar os vínculos entre lingua, memoria e espazo compartido. Proponse, así, unha lectura da cidade como creación colectiva, aberta á pluralidade de voces que a habitan e a narran.

María López Sández

É escritora, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na Universidade de Santiago de Compostela, académica de número da Real Academia Galega e directora da revista Grial.

Doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, unha das súas principais liñas de investigación é a relación entre literatura, paisaxe e identidade, con especial atención á construción dos imaxinarios rurais e urbanos.

É autora de Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007, e de diversos estudos sobre a representación literaria do espazo. Dedicou tamén a esta temática o seu discurso de ingreso na RAG, Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego.

Sobre o ciclo 60 anos do noso Ateneo

O 18 de novembro de 1965 o Ateneo de Pontevedra celebraba a súa sesión inaugural coa presenza do escritor romanés Vintila Horia. Nacía así o primeiro Ateneo de Galicia coa vocación de fomentar diferentes actividades culturais.

Sesenta anos despois, o Ateneo organiza unha serie de actividades para conmemorar o seu inicio.

Colabora

IES Valle-Inclán

Síguenos nas nosas redes: