Chile no corazón

Nunha data que marca a vida do Chile moderno, o 11 de setembro, aniversario dun golpe militar sanguinario, encabezado polo xeneral Augusto Pinochet, contra o poder lexítimo ostentado polo presidente Salvador Allende, foi un privilexio que a cantante chilena Carmen Prieto decidise abrir a súa xira galega cunha actuación encadrada na programación do Ateneo de Pontevedra.

Convocados os asistentes pola voz e a figura de Prieto, co guitarrista Tito Cerda como parceiro, a cita iniciouse con “Te recuerdo Amanda”, que trouxo á memoria colectiva o martirio daquel cantautor e o inicio dun tempo escuro no Cono Sur, inzado de crimes de Estado, represión e exilio; un tempo que se fai especialmente necesario lembrar hoxe, coa emerxencia dunha ultra dereita que está a poñer en risco todos os consensos.

Concibido como un homenaxe aos cantautores chilenos e iberoamericanos, o concerto completárono versións de pezas de Violeta Parra, Atahualpa Yupanqui, Alfredo Le Pera, Chabuca Granda e outros dos grandes nomes dunha música que desde os anos 1970 e posteriores pasou a formar parte da educación sentimental de varias xeracións de todo o mundo.

A parte artística da cita contou tamén coa participación dos poetas Míriam Ferradáns e Xaime Toxo, e a produción e a parte técnica correron por conta de Berenice e Roi.

Esta xira galega de Carmen Prieto, con actuacións en Vilagarcía, Santiago ou Ponte Caldelas, é froito de múltiples achegas, tanto de distintas entidades de Galicia coma do propio Ministerio de las Culturas, las Artes y el Patrimonio de Chile.

Síguenos nas nosas redes: