Sesión do Club de Lectura de novembro

Sesión do Club de Lectura de novembro O noso Club de Lectura reuniuse o pasado xoves 5 de novembro na Casa das Campás para celebrar a súa sesión mensual. A obra a comentar foi “Contos de mulleres soas” de Marcela Serrano. Club de Lectura ir á axenda
Un pobo que quere ser libre

Un pobo que quere ser libre Mohamed Safa, nado en Cisxordania, formado academicamente en Santiago, e oftalmólogo de profesión, defendeu nos mércores do Ateneo un relatorio titulado como o seu libro máis recente: Gaza, un xenocidio televisado. Fixo fincapé Safa no, de momento, último capítulo da agresión sionista á nación palestina, transmitida en vivo e en directo para vergonza e escarño da comunidade internacional. Lembrou Safa que o expansionismo de Israel cumpre todos os requisitos para ser cualificado como un xenocidio, que se está traducindo en masacres impunes saldadas xa con decenas de milleiros de mortos. Salientou o relator que as bombas que destrúen vivendas, estradas e toda clase de instalacións estratéxicas tamén teñen como obxectivo hospitais, escolas, panaderías ou fontes de auga nun afán de sumir os palestinos na fame, a indefensión médica e o exterminio. Secasí, fronte á pasividade doutras veces, Safa salientou que agora está habendo cada vez máis Estados que se afastan e mesmo rompen relacións con Israel, e que iso leva un mínimo raio de esperanza a un pobo que o único que segue reclamando é o seu dereito a ser un máis, e libre por fin, no concerto das nacións. Lamenta Safa que iso non faga recapacitar un goberno e un exército que contan co apoio incondicional da primeira potencia económica e militar do mundo, e sinalou a importancia que poden ter os 19 deputados palestinos que acaban de ser elixidos para o parlamento israelí. Segundo o relator os precedentes non invitan a esperar gran cousa, aínda que si significará un alivio se o apoio neses votos é aceptado pola posible alternativa que reemplace no poder o goberno de Netanyahu.
Máis luz sobre Valle-Inclán

Máis luz sobre Valle-Inclán Apoiándose nunha útil e moi reveladora escolla de imaxes, o profesor Pablo Landín e o xornalista Ramón Rozas ofreceron nova luz sobre a traxectoria e a repercusión nas letras españolas da figura de Ramón María del Valle-Inclán. Foi nunha dobre charla na que o profesor se centrou no período que dá inicio en 1888, cando Valle comeza a publicar os primeiros artigos, contos e poemas, asinados de diferente xeito e con Barbey d’Aurevilly como principal referente, e remata en 1895 coa publicación, na imprenta pontevedresa de Andrés Landín, do libro que abre a súa prolífica carreira: Femeninas. Pola súa banda, Rozas centrou o seu relatorio na conmemoración na nosa cidade, en 1966, do centenario do nacemento dun Valle que xa gozaba a aquela altura de universal recoñecemento. A homenaxe da Boa Vila tivo tres eixes, primeiro co re-bautizo do instituto Feminino como instituto Valle-Inclán, a seguir co ciclo de relatorios e a mostra bibliográfica que lle dedicou o Ateneo, que acababa de nacer, e finalmente cun suplemento completísimo do Diario de Pontevedra. Foron iniciativas nas que tiveron un papel preferente Antonio Odriozola e un Gonzalo Torrente Ballester que daquela exercía aquí como catedrático. E canda a deles, tamén foi decisiva a participacion de figuras como Conde Corbal, Filgueira Valverde, Luciano del Río, Ramón Peña ou Otero Pedrayo.
O tesouro dos contos populares

O tesouro dos contos populares A escritora, filóloga, investigadora e profesora Camiño Noia salientou a importancia para unha cultura de manter e “mimar” o acervo da narrativa popular de transmisión oral. Nun relatorio celebrado na biblioteca do instituto Valle-Inclán, a profesora remontouse á aparición na noite dos tempos dos primeiros contos de invención anónima a partir da realidade que lles tocaba vivir ás comunidades primitivas. Nun gran salto temporal, detívose logo nas coleccións do Decamerón, Canterbury ou o Conde Lucanor, aínda que fixo unha parada máis demorada na primeira e máis fiel sistematización do xénero, acometida xa no século XIX polos irmáns Jacob e Wilhelm Grimm. A profesora lembrou que Galicia tardou en sumarse á recompilación dos seus contos populares, pero destacou a súa riqueza en cualidade e cantidade, e mais un rasgo case único no panorama mundial: a ausencia de misoxinia, que atribuíu a que moitos dos nosos contos tiveron que ser forzosamente obra de mulleres, dado que a lacra da emigración privaba o país dun gran continxente de homes. A organización da conferencia de Camiño Noia, que rematou con animado coloquio, partillouna o noso Ateneo co Ateneo Atlántico de Vigo, e vai supoñer o inicio dunha futura colaboración máis estreita.
Visita cultural a Porto

Visita cultural a Porto O Ateneo viaxeiro de outono levou unha boa representación de socias e socios ata a fundación Serralves, en Porto. Alí, no museo de arte contemporánea construído por Álvaro Siza, puideron admirar a obra do tamén arquitecto Frank Gehry, nunha exposición que inclúe vídeos, planos, fotos e grandes maquetas das súas principais obras; entre elas, o museo Guggenhein de Bilbao. Tamén puideron familiarizarse co traballo en múltiples formatos da artista Jenny Holzer, e mais coa pintura de Alice Neel nunha mostra antolóxica da súa obra, encadrada nunha figuración que atopa no retrato o seu mellor sinal de identidade. A visita rematou cun paseo polo amplo e magnífico xardín de Serralves. Ateneo Viaxeiro ir á axenda
Lembrando a Mercedes Alsina

Lembrando a Mercedes Alsina O labor como bibliotecaria de Mercedes Alsina ocupou a nova parada do ciclo de Figuras pontevedresas do Ateneo de Pontevedra. No salón de actos da Biblioteca Pública de Pontevedra, da que ela mesma foi a súa directora, reuníronse o seu fillo Xavier del Valle-Inclán, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e a actual responsable da Biblioteca Pública de Pontevedra, Pilar Fernández Ruiz, para, entre os tres, trazar un perfil dese facer dende a súa meticulosidade como profesional, pero que nos levou tamén a percorrer outros espazos máis humanos da súa inesquecible personalidade. Xavier del Valle-Inclán fixo un percorrido pola súa vida, entre 1917 e 2012 e como tras aprobar as pertinentes oposicións comezou a ocupar diferentes cargos na Biblioteca de Huelva, na da Escola Naval de Marín e xa, de xeito definitivo, na Biblioteca Pública de Pontevedra que, antes da súa sede actual, estivo nos baixos do Instituto para pasar posteriormente ao singular edificio da coñecida Casa dos Fonseca. Aí desenvolveu un traballo polo que foi recordada á hora de poñer orde nos fondos variados dese centro, entre os que destacaban incorporacións como o fondo procedente da incautación polo Réxime Franquista dos libros de Castelao. A ese fondo adicou as súas palabras a directora do Museo de Pontevedra e excelente coñecedora da obra do de Rianxo, Ángeles Tilve, valorando como ese labor de Mercedes Alsina permitiu o seu mellor coñecemento e traspaso definitivo ao propio Museo de Pontevedra, xunto con outros elementos persoais e artísticos. Finalmente a directora actual da Biblioteca Pública de Pontevedra, Pilar Fernández, lembrou os seus primeiros encontros coa súa antecesora, lembrando a súa personalidade e profesionalidade no traballo, xusto unhas horas antes de que o sábado 24 de outubro se celebre o Día das Bibliotecas, no que o exemplo de Mercedes Alsina aínda é hoxe toda unha referencia para os traballadores desa entidade. O público asistente tamén tomou a palabra ao remate destas intervencions para achegar as súas experiencias coa homenaxeada, que permitiron completar as impresións dos tres poñentes coincidindo ao final no acerto e na necesidade de lembrar a este tipo de figuras que deixaron unha fonda pegada na nosa cidade. – Fotos: Rafa Fariña | Diario de Pontevedra
Vender, alugar, mercar

Vender, alugar, mercar Un debate entre Pepa Vázquez, coordinadora da asociación de inclusión social Boa Vida, e Javier Garrido Valenzuela, presidente da Asociación de Promotores da Provincia de Pontevedra, baixo a moderación do xornalista Serxio Barral, converteuse no segundo dos encontros que baixo o título de ‘A vivenda. Un dereito ou un imposible?‘ achegouse dende direrentes perspectivas e sensibilidades ao gran problema actual na nosa sociedade, como é o da vivenda, e a compatibilidade entre o acceso a un fogar digno por diferentes capas da nosa sociedade e a seguridade dos propietarios para o mantemento das vivendas e o pago dos alquileres cando estes se produzan. As preguntas de Serxio Barral foron o pé preciso para que cada un deles expuxesen a súa visión desta situación, amosando dende a experiencia de Pepa Vázquez o seu traballo na consecución e mediación con propietarios para facilitar a relación entre ese propietario e un tipo de inquilino normalmente con moitos problemas para atopar eses espazos e para pagar o prezo acordado con ese dono. Un labor que no tempo no que a Asociación o leva facendo califícase como moi positivo polo conseguido e por cómo esa confianza que se xera entre as dúas partes é fundamental para afianzar eses alquileres. Javier Garrido quixo aludir ao tempo perdido ao longo dos últimos anos por parte das diferentes administracións á hora de activar a construción e a creación de vivendas de uso social, atopando unha pasividade administrativa dende o pasado que nos leva a un presente no que é imposible satisfacer esa demanda concreta, precisándose medidas e a activación que estamos vendo hoxe en día pero que será unha solución a medio e longo prazo. Medidas como á creación dun banco de vivenda en alugueiro ou unha bolsa de propietarios éticos, que miren máis alá do puramente especulativo, foron algunhas das propostas de Pepa Vázquez, mentres Javier Garrido reclamou unha maior imaxinación para actuar nesta problemática da vivenda con solucións máis acordes ao noso tempo e sendo o concepto de vivenda protexida algo a superar, así como a liberación de solo que permitiría unha baixada de prezos e unha maior facilidade nos prazos administrativos. Como remate ambos atenderon ás cuestións propostas por un público que se amosou moi interesado polas palabras dos dous participantes nesta palestra que puxo final ao encontro que o Ateneo de Pontevedra deseñou arredor da vivenda. – Fotos: Rafa Fariña | Diario de Pontevedra Ciclo sobre a vivenda ir á axenda
A vivenda. Un dereito ou un imposible?

A vivenda. Un dereito ou un imposible? Coa presenza de Javier Burón, avogado, consultor, e cunha longa experiencia ocupando cargos de xestión da vivenda nos gobernos do País Vasco, Barcelona ou na actualidade en Navarra, deu comezo o ciclo que o Ateneo preparou para este mes, achegándose a unha das grandes preocupacións no noso presente, como é o problema da vivenda, e si a súa necesidade é un dereito ou un imposible, poñendo en dúbida mesmo o que consagra a Constitución Española. No Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal e despois da presentación a cargo do presidente do Ateneo, Luís Rei, Javier Burón desenvolveu unha detida charla amosando cal é a situación actual do parque de vivendas en España e as necesidades que reclama a cidadanía. A través dunha serie de imaxes moi reveladoras e con numerosos datos, puxéronse ante os presentes as diferentes ferramentas que as distintas administracións teñen nas súas mans para que esa necesidade de vivenda protexida poida converterse nunha realidade que precisa da intervención de diferentes axentes que lonxe de politizacións e ideoloxías teñen que ter a valentía suficiente para afrontar unha política de vivenda a longo prazo e cunha maior inversión económica. Ao remate das súas palabras abriuse un periodo de intervencións e preguntas por parte do público que foi moi participativo, con numerosas cuestións dende as que Javier Burón, continuou amosando o seu coñecemento da situación da vivenda en España, reflectindo a preocupación que neste momento dende diferentes estamentos, profesionais, inquilinos… ten lugar nunha sociedade conmocionada, como se pudo comprobar onte cando no medio do acto os presentes coñecimos a tráxica noticia do pasamento de Maricarmen, a muller desafiuzada da súa vivenda en Madrid, e convertida xa nun símbolo desta catarse que estamos a vivir na sociedade. Podes descargar aquí a copia da presentación de Javier Burón: presentación – o problema da vivenda Ciclo sobre a vivenda ir á axenda
No pasamento de Xosé Manuel Beiras

No pasamento de Xosé Manuel Beiras O Ateneo de Pontevedra lamenta o pasamento de Xosé Manuel Beiras, unha das figuras esenciais do pensamento, a política e a sociedade galega dos últimos tempos dende o seu ideario nacionalista e cuxa presenza ao longo das seis décadas de existencia do Ateneo pontevedrés foi habitual, mesmo dende o seu comezo, coa intervención á que se refire a imaxe dunha palestra que tivo lugar o 13 de abril de 1966 co título ‘A rexión e a política socieconómica’ e na que está acompañado polo primeiro presidente do Ateneo de Pontevedra, Alfonso Zulueta de Haz. Participacións que quedarán reflectidas no libro sobre o Ateneo de Pontevedra de próxima publicación. A súa presenza tamén estivo anunciada para unha recente conversa no mes de xullo xunto a Emilio Pérez Touriño e Xosé Luis Barreiro Rivas sobre o ‘Estatuto de Autonomía de Galicia‘ pero á que non puido asistir por motivos de saúde. _ Fotografía: Camilo Gómez/Diario de Pontevedra
Sesión do Club de Lectura de outubro

Sesión do Club de Lectura de outubro O Club de Lectura tivo a súa primeira sesión desta tempada o pasado xoves 1 de outubro na Casa das Campás. A obra a comentar foi “Contos de amor, de tolemia e de morte”, de Horacio Quiroga. Club de Lectura ir á axenda