



O Museo de Pontevedra acolleu nunha solleira mañá de domingo a presentación da nova novela de Luís Rei, ‘Elas dúas’, gañadora do II Premio de Novela Álvaro Cunqueiro. O escritor estivo acompañado por Rosario Álvarez, quen deixou hai uns días de ser a presidenta do Consello da Cultura Galega; e por Marcos Calveiro, na súa estrea como novo Director Xeral da Editorial Galaxia, de cuxo prelo saíu esta novela que propiciou un abondoso diálogo entre os tres fronte ao numeroso público asistente.
Rosario Álvarez comezou falando da importancia da cidade de Pontevedra como algo máis ca un pano de fondo na novela, facendo un exercicio de memoria do que era aquela Pontevedra pola que ela se movía de nena e que é a que aínda hoxe ten presente cando percorre eses escenarios; mentres que Marcos Calveiro suliñou a importancia de acadar ese Premio Alvaro Cunqueiro que vén a reafirmar a traxectoria literaria de Luís Rei como unha das máis vizosas e maduras das nosas letras. O protagonista da xornada, na súa primeira intervención referiuse ao proceso da escrita, que precisa, no seu caso, de lentitude e soidade, para, co paso do tempo, sentirse un lector máis, uníndose así ao resto de lectores que completan o círculo que supón a creación dun libro.
A conversa afondou na historia de amor entre dúas mulleres na Pontevedra da década dos anos cincuenta, entre segredos e un amor disimulado polo que tiña de ter que superar barreiras como as leis, as clases sociais entre as protagonistas ou a idade que as separa. Unha sorte de amor perseguido que se desenvolve nunha cidade, aparentemente tranquila, cunha vida plácida no contexto do franquismo e na que se movían toda unha serie de personaxes que enchen a novela de chiscadelas co lector para recoñecer a eses nomes que se funden coa propia identidade da cidade ao longo do tempo.
Unha novela, como o propio autor referiu, que procura non caer no aburrimento do lector, escrita coa claridade precisa para avanzar na súa trama principal, así como en todo o que rodea unha historia que, sobre todo, fala da condición humana e do que supón un alento de vida no devir cotiá dunha vila como Pontevedra.
–
Fotos: Jacinto Barallobre
Para proporcionar unha mellor experiencia, empregamos cookies para almacenar e/ou acceder á información dos dispositivos.
A aceptación do emprego de cookies permitiranos procesar a información do buscador e IDs únicas neste sitio.
Denegar o emprego das cookies pode afectar ao funciocamento dalgunhas funcións.