
O Ateneo de Pontevedra súmase ao pesar de Galicia toda polo pasamento de Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928-2026).
Licenciado en Filoloxía Románica pola universidade central de Madrid e doutor pola de Salamanca, exerceu longos anos a docencia, primeiro no ensino medio e, desde 1984 e ata a súa xubilación, como profesor titular e logo catedrático no Colexio Universitario de Vigo e mais na universidade de Santiago.
Ao longo da súa traxectoria escribiu milleiros de artigos, en xornais e revistas, e foi autor de centos de ensaios e volumes de investigación en campos como a literatura galega ou a sociolingüistica.
En 1952 ingresou no Partido Comunista, aínda perseguido e na clandestinidade, e desde entón a súa fidelidade ás ideas de progreso converteuno nunha das figuras de referencia para a esquerda do país.
Entre 2013 e 2017 foi presidente da Real Academia Galega, e, ao longo da súa traxectoria, foron moitas as ocasións en que ocupou a tribuna do noso Ateneo para ofrecer conferencias. A derradeira, en abril do ano pasado, titulouna “Castelao nos anos da guerra civil: viaxe á Unión Soviética”.
O Ateneo de Pontevedra manda as súas condolencias á familia e achegados do vello amigo, e invita os seus socios a participar nas homenaxes que se lle tributen.
Para proporcionar unha mellor experiencia, empregamos cookies para almacenar e/ou acceder á información dos dispositivos.
A aceptación do emprego de cookies permitiranos procesar a información do buscador e IDs únicas neste sitio.
Denegar o emprego das cookies pode afectar ao funciocamento dalgunhas funcións.