


O escritor Alejandro Pedregosa (Granada, 1974) repasou, en pouco máis dunha hora de conversa co xornalista Ramón Rozas, as claves da súa ampla e fértil traxectoria literaria en varios xéneros. O encontro desenvolveuse na librería Metáfora, partillado polo Ateneo e a editorial Kalandraka, o selo co que autor estableceu ao longo desta década unha complicidade que, segundo as súas palabras, vai máis alá do estritamente profesional.
Tras estrearse como poeta na súa cidade natal, Pedregosa pasou por Planeta e Ediciones B, entre outras editoriais, antes de iniciar con Álbum de familia, Premio Orihuela de Poesía Infantil, unha colaboración co selo pontevedrés que continuou coa reedición de O, Premio Andalucía da Crítica, e tres biografías sobre outras tantas mulleres inxustamente esquecidas, pero fundamentais no devir da cultura española do século XX (María Moliner, Carmen de Burgos e María Goyri).
Un capítulo especial da conversa con Rozas protagonizouno Comadrejas, a historia coa que Pedregosa se achegou ao holocausto dos homosexuais nos campos de exterminio nazis, unha cara do horror ata agora moi pouco estudada polos historiadores. Tamén falou de Lo que sé de Whitney Houston, o libro co que o escritor regresou á lírica con poemas que xiran sobre a dor, a perda e o suicidio. O seu autor leu dous deses poemas e adiantou as liñas xerais do seu libro vindeiro, unha novela sobre o monarca absolutista Fernando VII e a España á que lle tocou padecer o seu reinado.
Para proporcionar unha mellor experiencia, empregamos cookies para almacenar e/ou acceder á información dos dispositivos.
A aceptación do emprego de cookies permitiranos procesar a información do buscador e IDs únicas neste sitio.
Denegar o emprego das cookies pode afectar ao funciocamento dalgunhas funcións.