A gaita

O gaiteiro Óscar Ibáñez protagonizou a segunda xornada do ciclo ‘O poder do Folk‘ que se desenvolve no paraninfo do IES Valle-Inclán nunha interesante achega ao papel que a música tradicional tivo e ten na nosa sociedade. Se a pasada semana foi Fransy González quen falou da voz dende o punto de vista dunha cantareira, desta vez a gaita foi a protagonista dunha palestra que percorreu a historia deste instrumento, a figura do gaiteiro e os diferentes tipos de agrupacións musicais que marcaron a nosa música dende o século XIX ata hoxe.

Poucos instrumentos unen máis a Europa que a gaita, da que hai variedades e tipos en numerosos países, con especificidades concretas, como as empregadas no Mediterráneo ou no litoral Atlántico, pero todas elas con esa vontade de reflectir a identidade dun pobo ou dun territorio. Óscar Ibáñez, de xeito moi didáctico, falou tamén dos modos de tocar a gaita na nosa terra (aberto ou pechado), non eludiu a polémica que tivo lugar en Galicia coa creación das bandas marciais seguindo modelos de formación e vestimentas doutras latitudes, pasando a cómo as diferentes agrupacións en Galicia incorporaron instrumentos e membros para levar a música a festas e celebracións.

Como remate Óscar Ibáñez amosou o seu talento como intérprete, tocando tres gaitas diferentes. Unha delas, unha réplica da do famoso gaiteiro pontevedrés Perfecto Feijóo, que estremeceu aos asistentes co seu son, para logo tocar diferentes pezas cos outros dous tipos de gaita.

A vindeira semana, o mércores 23, ás 19.00 horas no IES Valle-Inclán, será a oportunidade para escoitar falar a Xabier Díaz quen disertará sobre a percusión e o seu papel protagonista dentro do noso folk.

Síguenos nas nosas redes: